LIFE EcoTimberCell ofrece formación aos arquitectos do País Vasco
Curso na Escola Técnica Superior de Arquitectura de Donostia-San Sebastián para ensinar como se constrúe cos sistemas EcoTimberCell e o seu cálculo estrutural.

O próximo 24 de marzo celebrarase este curso, dirixido a arquitectos e estudantes de arquitectura co obxectivo de difundir os sistemas EcoTimberCell entre os profesionais que poderán prescribilos nos seus proxectos, axudando así á súa implantación no mercado.
O País Vasco é unha das comunidades autónomas onde máis se constrúe con madeira en obra nova, polo que é interesante que estes sistemas de construción sexan coñecidos polos arquitectos en formación que asinarán as obras das próximas décadas.
A Plataforma de Enxeñería da Madeira Estrutural ( PEMADE) da Universidade de Santiago de Compostela encargarase da presentación dos sistemas e de formar aos asistentes no cálculo do produto estrutural; e a spin- off Timbersoul by Cándido Hermida, constituída no marco do Proxecto LIFE EcoTimberCell, ensinará como construír con este tipo de sistemas e a súa comercialización.
É primordial que os arquitectos coñezan estes sistemas e como utilizalos nos seus proxectos, para o que é necesaria unha formación especializada tanto construtiva como de cálculo que achegue a confianza suficiente para a súa utilización.
Con este curso formarase a técnicos profesionais do sector, potenciais promotores dun cambio en sector da construción, ao apostar por sistemas prefabricados tecnolóxicos sostibles, realizados con madeira local proveniente de montes con xestión forestal sostible, axudando así á mitigación e adaptación ao cambio climático, e a fixación de poboación no ámbito rural.