LIFE EcoTimberCell na feira de Biocultura
A Universidade de Santiago de Compostela presentou o proxecto EcoTimberCell na feira de Biocultura da Coruña, o pasado 2 de marzo.
Maria Portela, investigadora de PEMADE participou cun relatorio sobre construción responsable con madeira, incluída na Xornada de Bioconstrucción na que colaboran, entre outras entidades, a Xunta de Galicia, a través do Centro Integrado de Formación Profesional Someso. Durante a súa intervención, fixo fincapé nos beneficios ambientais e sociais que conleva a construción con madeira sostible certificada, minimizando a pegada de carbono nun sector de alto impacto.
Destacou o papel do proxecto LIFE EcoTimberCell, co desenvolvemento de produtos estruturais que empregan madeira mínima, elaborados a partir de madeira local certificada. Este tipo de construción innovadora permite, non só minimizar a pegada de carbono na construción senón tamén, almacenar carbono a longo prazo. Así mesmo, contribúe a impulsar a xestión forestal sostible, poñendo en valor o monte galego a través da obtención de madeira de calidade, baixo criterios ambientais.
Biocultura é unha das feiras europeas máis relevantes sobre produtos ecolóxicos e consumo responsable. Celebrado entre o 1 e 3 de marzo, albergou a máis de 150 expositores, que recibiron a visita de preto de 14.000 persoas.