Colaboración co IES Politécnico de Lugo
No marco da acción C3 do proxecto LIFE EcoTimberCell levouse a cabo o desenvolvemento da célula ETC+. Esta exponse como unha EcoTimberCell na que a conexión entre o taboleiro e a madeira realízase mediante un encaixe carpinteiro, evitando o uso de adhesivos estruturais.

No mes de novembro tivo lugar unha colaboración co IES Politécnico de Lugo, mediante a cal se puxo ao dispor do proxecto LIFE EcoTimberCell unha máquina de corte por control numérico (CNC). Grazas a esta ferramenta, conseguiuse mellorar a fabricación das células ETC+, obtendo prototipos cunha alta calidade e precisión de acabados nas unións. Unha vez finalizada a fabricación das células, propúxose organizar unha visita dos alumnos e profesores do IES Politécnico de Lugo ás instalacións do laboratorio de PEMADE para poder presenciar os ensaios das células ETC+.

Durante a súa visita ao laboratorio, puideron presenciar o ensaio a flexión das células ETC+ e a aplicación da correlación dixital de imaxes mediante ARAMIS, para avaliar as deformacións e os desprazamentos xerados na célula por efecto da aplicación de carga durante o ensaio. Ademais, aproveitouse a visita para explicar os principais obxectivos do proxecto LIFE EcoTimberCell e os distintos sistemas estruturais que se expoñen a partir da Célula ETC.

A visita tivo gran interese para os alumnos e profesores do centro, abrindo as posibilidades a futuras colaboracións e xerando a difusión de resultados do proxecto.