Xornada de clausura do proxecto LIFE EcoTimberCell

Compartir con

O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo da USC, Francisco Fraga; a directora da EPS de Enxeñaría, Rosa Romero; o coordinador da Plataforma de Enxeñaría de Madeira Estrutural (Pemade), Manuel Guaita, e o director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), Jacobo Aboal, clausuran o proxecto LIFE EcoTimberCell que impulsa a construción sustentable en madeira e con baixa pegada de carbono.

Xornada de clausura do proxecto LIFE EcoTimberCell

LIFE EcoTimberCell fomenta a edificación modular en madeira promovendo a substitución de produtos de construción con alta enerxía incorporada, tales como o formigón ou o aceiro, por outros de baixa pegada de carbono, como é a madeira, mediante o desenvolvemento dos sistemas EcoTimberCell. Esta alternativa innovadora permite asemade fixar o carbono a longo prazo mediante o emprego de madeira e dos seus derivados, segundo subliñou na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra o coordinador de Pemade, o catedrático da USC Manuel Guaita, na sesión de clausura deste programa LIFE, un acto no que tamén participaron a directora do centro universitario lugués, Rosa Romero; o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, e o director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), Jacobo Aboal.

O futuro da edificación é modular, afirmou o profesor Guaita, para logo engadir que os produtos estruturais alixeirados desenvolvidas no marco deste LIFE, tales como as células ETC para viguetas e vigas, ETC para forxados ou ETC Frame para muros achegan novos sistemas de prefabricado cos que se pode facer un construción. Estes novos produtos, engadiu o coordinador de Pemade, teñen como base madeira galega certificada e están compostos de pezas de madeira serrada e tableiro de fibras duro ecolóxico fabricados pola empresa Betanzos HB que utilizan como único ligante a lignina natural, polo que non se precisan ningún outro tipo de adhesivo.

O director de XERA, entidade que en 2019 asinou un convenio coa USC por un importe global de 400.000 euros para potenciar a madeira na construción e poñer en valor as especies locais, salientou asemade a clara aposta pola sustentabilidade do monte galego que representa este programa LIFE, que, entre outros logros, permite a transformación da biomasa en reservas de carbono a longo prazo. Jacobo Aboal tamén puxo en valor na súa intervención os novos sistemas EcoTimberCell elaborados con madeira obtida dos montes da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, dado que se trata de sistemas estruturais ecolóxicos que, ademais de aportar valor engadido ao monte, aforran enerxía e reducen a súa demanda no uso de edificios, ademais de diminuír os residuos xerados o proceso de edificación. De feito, precisou Aboal, os sistemas EcoTimberCell permiten un aforro de material do 85% respecto da tradicional viga de madeira maciza.

A sesión de clausura do LIFE EcoTimberCell, unha iniciativa encadrada no subprograma da Unión Europea de Acción polo clima e mitigación do cambio climático, contou tamén coa participación de representantes de todos os socios implicados neste programa, entre os que figuran a empresa de enxeñaría ambiental 3edata, a Fundación Centro Tecnolóxico Forestal e da Madeira (Cetemas), o Instituto de Tecnoloxía da Construción de Cataluña (ITeC) e a empresa Betanzos HB.

O coordinador do LIFE EcoTimberCell e tamén de Pemade, Manuel Guaita, reiterou o seu agradecemento a todos os socios colaboradores nun proxecto dotado cun presuposto de máis de 2 millóns de euros, contía sufragada nun 59% por fondos da Comisión Europea, ao tempo que tamén augurou o mellor futuro para a empresa Timbersoul by Cándido Hermida, a spin off creada no marco deste proxecto co grupo Cándido Hermida (socio principal), que se ocupará de toda a parte técnica e da futura fabricación e comercialización dos produtos.

Xornada de clausura do proxecto LIFE EcoTimberCell

Uso de cookies

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.